Dotar aos destinatarios das ferramentas necesarias para auto-xestionar os conflitos da vida cotiá mellorando as súas relacións interpersoais e a súa autoestima. Traballamos en mudar a visión negativa do conflito, entendéndoo como unha oportunidade de aprendizaxe e mellora das relacións.
Os equipos de Alumnado Axudante actúan como axentes de convivencia nas aulas, apoiando aos compañeiros e compañeiras na prevención, detección e solución de conflitos durante o curso escolar, sempre amparados polo equipo docente. O noso obxectivo é formar ao alumnado seleccionado nas ferramentas e funcións que levarán a cabo no rol a desenvolver.
Os equipos de Mediación entre Iguais axudan aos compañeiros e compañeiras na resolución de conflitos empregando o diálogo como principal ferramenta e seguindo os principios básicos da mediación: confidencialidade, voluntariedade, neutralidade, imparcialidade e igualdade. O noso obxectivo é formar ás persoas seleccionadas nas ferramentas e técnicas da mediación que porán en práctica na execución das súas funcións.
Segundo o currículo educativo da Xunta de Galicia (Orde do 13 de xullo de 2016) a igualdade de dereitos e oportunidades entre as mulleres e os homes, así como a perspectiva de xénero, deben integrarse en todas as etapas do sistema educativo coa finalidade de promover os valores necesarios para o exercicio dunha cidadanía democrática e para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria. Seguindo o establecido pola Xunta, pretendemos dotar aos destinatarios do pensamento crítico necesario para escapar aos roles e estereotipos de xénero e apreciar a diversidade de cada persoa, facéndoos conscientes da situación social actual e da importancia da loita feminista.
O (ciber)acoso escolar é un comportamento intencionado no que un rapaz ou rapaza, ou un grupo, rexeita, illa, búrlase, ridiculiza, ameaza, chantaxea ou pega a outra persoa de xeito repetido e coa intención de facer dano. Trátase dunha problemática que hoxe en día está presente en tódolos centros educativos, tendo consecuencias de diversa gravidade para as vítimas. O noso obxectivo é sensibilizar e formar aos membros do sistema educativo na prevención e detección da violencia entre iguais, tendo en conta o papel que ten cada parte e sobre todo, a importancia dos espectadores.
A diversidade afectiva, sexual e de xénero refírese ás diferentes formas de expresar de maneira libre o desexo, a afectividade, as prácticas eróticas ou amorosas, así como a expresión ou identidade de xénero que temos os seres humanos.Por isto, o noso obxectivo é sensibilizar na diversidade e traballar e mudar os estereotipos e discriminacións sufridas polo colectivo LGBTIQ+.
A comunicación é a habilidade que nos conecta cos demais, que nos permite informar, solicitar, convencer. Os erros ou a ausencia de comunicación atópanse directamente relacionados cunha maior conflitividade. É por isto que, ter unhas boas habilidades comunicativas dará como resultado unha boa autoestima e unhas relacións interpersoais sas. O obxectivo é resaltar a importancia que ten a comunicación e adestrar aos destinatarios nas técnicas de asertividade, empregando casos reais que teñan relevancia na súa vida cotiá.
A intelixencia emocional é a capacidade para percibir, valorar e expresar emocións con exactitude, para acceder ou xerar sentimentos, para comprender e regular as emocións promovendo un crecemento emocional e intelectual. Vivimos nunha época de constantes cambios xerando un ambiente de gran incerteza, isto obríganos a desenvolver novas habilidades para adaptarnos mellor a estes cambios e conseguir resultados óptimos. Polo tanto, pretendemos adestrar aos destinatarios na aprendizaxe da auto-conciencia, a autorregulación emocional, a auto-motivación, a empatía, a escoita activa e a comunicación asertiva.
Os círculos de diálogo son unha práctica restaurativa para crear comunidade, que vinculan aos grupos e que permiten a expresión de sentimentos e necesidades das persoas que participan. Resúltannos especialmente útiles para o traballo en grupos xa sexa de profesorado, familias ou alumnado e poden empregarse en grupos de diferentes tamaños. Buscan desenvolver os valores de inclusión, participación equitativa, responsabilidade individual, comunicación efectiva, igualdade e respecto á diversidade e conseguen que todas as persoas que participan se sintan aceptadas, valoradas e formen parte dunha clase e comunidade.
Este espazo permítennos compartir e traballar nas inquedanzas das nais e pais a través da reflexión e a revisión das pautas educativas e das habilidades de comunicación que presentan as familias, co obxectivo de desenvolver unha parentalidade positiva en contornos sans e seguros para o crecemento dos nenos e nenas.
Sen esquecer as oportunidades e vantaxes que nos brindan as novas tecnoloxías, analizamos e debatemos sobre os riscos da ausencia de control parental e traballamos nas pautas e consellos prácticos que axudarán a promover un uso bo e responsable das mesmas.
Presentacion-ConVive-2023-2024-1